Thursday, June 28, 2007

Un filosofo na rúa

No ensanche de Santiago hai un tipo duns corenta anos que toca a flauta na rúa, e diríxelle comentarios á xente que pasa diante del. Un home machacado pola vida que dorme nun portal nun saco de dormir e que cada dia comeza unha nova coleccion de latas de cervexa do Carrefour Express.
Onte atopei a este home nunha cafetaría, tomandose ás doce da mañá unha copiña de anís mentras lía o xornal na barra. Facía comentarios sobre as novas que lía, según lle conviña, reproduzo tres, que me parecen cando menos curiosos:
1.- Ciencia: O rollo ese que nos están soltando sobre que o quencemento da terra é debido á acción humana é mentira, nunca un elemento endóxeno se cargou un planeta, son os elementos alleos ó mesmo que fan que o planeta se quente. Esto débese, segundo o home este a que a nosa galaxia fica agora entre outras duas (ás que lle deu nome e todo) que se estar acercando a nosa, provocando o quencemento. Segundo el, á terra teralle que pasar o que lle pasou ós outros planetas (que ó fin e ó cabo tampouco destruiron os habitantes).
2.- Infancia: Por qué se facemos subir un neno a un andamio a traballar ou o poñemos a coser balón de adidas é un delito pero se en troques o poñemos nunha motoGP a 200 qm/hora é un ídolo de masas? ¿Onde corre máis perigo a infancia?
3.- Sociedade: No mundo hai homes que teñen un Ferrari amarelo, un Iate, unha mansión de mil millóns, todas as mulleres que queren, e eses homes cando te miran a tí (sinaloulle ó camareiro) fano do mesmo xeito que ti me miras a mín, que estou na rúa sen un peso.
Bon, xa debutei, grazas polo convite.

Wednesday, June 27, 2007

Menos mal que este verán ven frio...


Novas coma esta animan pouco a pensar que se está a facer algo serio en prever e impedir que os montes (e máis todo o que vai a monte) ardan un verán máis en Galicia. (De xente para intentar apagalo parece que xa imos ben).

Se, como se prevé, o tempo ven frio e con chuvascos de vez en cando poderán as autoridades dicir en outubro que todo foi un éxito...

Desenganémonos, tanto con don Manuel, coma con don Emilio, coma con don Anxo, coma con quen sexa, o máis efectivo para que esto non arda polos catro costados está demostrado que é a chuvia. Se cadra é que o asunto non ten arreglo, ou o arreglo é tan duro que lle suporía perder a cabeza ó político que o intentase, non o sei. O que sí parece claro é que hai que darlle a razón ós vellos cando din: "tal como está o monte, o único que lle queda é arder".

Wednesday, June 20, 2007

O cabalo de Santiago Apostol en Singapur

Esta fin de semana, charlando en Carnota cun veciño xa xubilado da mariña mercante, comentando dunha cousa e doutra, falamos sobre os efectos que sobre as persoas fan as drogas, contoume unha historia persoal:
A finais dos sesenta, andaba el embarcado nun barco de 50.000 toneladas que iba a Singapur a cargar tapioca que traian para Europa. Daquela os barcos en Singapur cargábanse á man, polo que botaban un mes e medio atracados. Nese tempo, a xente de terra, alí en Singapur, montaba un bar na popa do barco para venderlle refrixerios a toda a tropa que traballaba cargando o barco e mais á tripulación. Contoume este veciño que un día, ó rematar a xornada foron tomar unhas cervexas ó bareto improvisado en cuestión. Nunha esquina, sentada, había unha vella liando cigarros de marihuana que vendía por pezas, o compañeiro que iba con el, de Muros (sempre hai un de Muros nos barcos), preguntoulle se algunha vez probara un cigarro deses, este dixo que non, e que non pensaba facelo na vida... pero despois de tres birrucas animáronse e mercaronlle á vella cadanseu canuto daqueles de máis de dez centímetros de longo. Cando xa os levaban trasegados preguntoulle o compañeiro, que notas algún efecto? -Non, ningún. -Pois a min xa me fodiu, voume para o camarote, -dixo o muradán. O veciño meu, ó ficar so, tamén se foi, tan pancho. Ó deitarse na cama, ó cabo de 15 minutos fixouse nun calendario de Piensos Biona que levara da casa e que tiña colgado da parede, un calendario que tiña unha imaxe de Santiago Apostol a cabalo ca espada. De repente, aquel cabalo saiu do calendario e comezou a dar voltas polo camarote, a piques de tripalo, o home foise defendendo como puido daquel cabalo que danzaba cas patas de diante levantadas, e cando tivo ocasión acadou coller o calendario e metelo debaixo do colchón. Pero sen saber moi ben como, o cabalo douse zafado do peso do home e do colchón e volveu sair a dar voltas polo camarote, foi unha noite de faena, tentando librarse do puñetero cabalo de Santiago Apostol.
O seguinte que recordou foi pola mañá, cando despertou cunha fame como se lle furaran as tripas e cunha dor de pernas como se correse unha maratón toda a noite.
Nunca máis, dixo.