Wednesday, June 20, 2007

O cabalo de Santiago Apostol en Singapur

Esta fin de semana, charlando en Carnota cun veciño xa xubilado da mariña mercante, comentando dunha cousa e doutra, falamos sobre os efectos que sobre as persoas fan as drogas, contoume unha historia persoal:
A finais dos sesenta, andaba el embarcado nun barco de 50.000 toneladas que iba a Singapur a cargar tapioca que traian para Europa. Daquela os barcos en Singapur cargábanse á man, polo que botaban un mes e medio atracados. Nese tempo, a xente de terra, alí en Singapur, montaba un bar na popa do barco para venderlle refrixerios a toda a tropa que traballaba cargando o barco e mais á tripulación. Contoume este veciño que un día, ó rematar a xornada foron tomar unhas cervexas ó bareto improvisado en cuestión. Nunha esquina, sentada, había unha vella liando cigarros de marihuana que vendía por pezas, o compañeiro que iba con el, de Muros (sempre hai un de Muros nos barcos), preguntoulle se algunha vez probara un cigarro deses, este dixo que non, e que non pensaba facelo na vida... pero despois de tres birrucas animáronse e mercaronlle á vella cadanseu canuto daqueles de máis de dez centímetros de longo. Cando xa os levaban trasegados preguntoulle o compañeiro, que notas algún efecto? -Non, ningún. -Pois a min xa me fodiu, voume para o camarote, -dixo o muradán. O veciño meu, ó ficar so, tamén se foi, tan pancho. Ó deitarse na cama, ó cabo de 15 minutos fixouse nun calendario de Piensos Biona que levara da casa e que tiña colgado da parede, un calendario que tiña unha imaxe de Santiago Apostol a cabalo ca espada. De repente, aquel cabalo saiu do calendario e comezou a dar voltas polo camarote, a piques de tripalo, o home foise defendendo como puido daquel cabalo que danzaba cas patas de diante levantadas, e cando tivo ocasión acadou coller o calendario e metelo debaixo do colchón. Pero sen saber moi ben como, o cabalo douse zafado do peso do home e do colchón e volveu sair a dar voltas polo camarote, foi unha noite de faena, tentando librarse do puñetero cabalo de Santiago Apostol.
O seguinte que recordou foi pola mañá, cando despertou cunha fame como se lle furaran as tripas e cunha dor de pernas como se correse unha maratón toda a noite.
Nunca máis, dixo.

No comments:

Post a Comment